Wednesday 15 de May de 2024

Implantadas diversas accións a prol do benestar animal


O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría do Benestar Animal, atópase realizando diversas accións para protexe-las colonias de gatas e gatos, ter maior control demográfico, limpeza viaria e control de pragas. Para tal finalidade, contan coa colaboración da Protectora Moura e da Protección Civil. Neste senso, continúan co compromiso dunha xestión que aplica o método CES (captura, esterilización e solta), así como desparasitando e practicando unha revisión veterinaria. A Administración local empezou hai un ano con actuacións naqueles grupos de gatas e gatos da rúa sobre os cales ten coñecemento e iniciou un rexistro.
Unha das últimas intervencións consistiu na colocación de gaiolas con comedeiros e gateiras na praza da Treixadura e na rúa Condado, ademais de carteis informativos. Trátase dunha proba piloto que busca, de xeito ordenado, nutrir adecuadamente os felinos mediante penso repartido por persoas pertencentes ao voluntariado. Ao mesmo tempo, contribúese a mellora-la salubridade dos lugares das colonias ao non depositarse residuos orgánicos para a alimentación dos gatos e gatas. En vista do bo resultado, non se descarta a colocación de máis gaiolas noutros puntos do municipio.
Así mesmo, procedeuse á instalación dun refuxio de madeira para felinos na praza da Treixadura, cuxo propósito reside en non ter que acubillarse nos vehículos nin nos portais dos edificios debido ás inclemencias meteorolóxicas.
Desta maneira, tamén se evita o malestar que estes feitos poidan producir entre as persoas residentes na zona. O carpinteiro municipal encargouse da construción da caseta, polo cal tan só supuxo un custo de 150 euros correspondente ao material empregado.
Por outra banda, continúase dotando de mobiliario a praia canina que comprende o último tramo dos Areos, en dirección ao Maño. En consecuencia, establecéronse papeleiras que conteñen dispensadores de bolsas para excrementos, unha fonte canina e un novo cartel informativo.